Tampouco esta historia non rematará con valse ningún
Relato "Batere valsik gabe amaituko da narrazio hau ere" (Tampoco acabará en vals este relato), extraído del libro 'Neguko Zirkua' de Hakaitz Cano
Presentación
Este é un exemplar especial, e monográfico, da revista Senez: é o froito das sesións de traballo do seminario O escritor no obradoiro dos tradutores organizado polo EIZIE na primavera de outono do ano 2006 e consecuencia do traballo dos tradutores, ombreiro con ombreiro, co gañador do Premio Euskadi de Literatura do ano pasado. Tes entre as mans, logo, un relato recollido do libro de Harkaitz Cano Neguko Zirkua [O Circo de Inverno] (editorial Susa, 2005) traducido a cuatro linguas.
"Non lle damos importancia aos xestos. Grave erro. Algunhas veces toda a nosa facenda pode reducirse a un xesto. Nin perras chicas nin palabras. Só un xesto".
Con estas palabras comeza a narración de Harkaitz Cano. E no que atinxe á nosa vida cotiá podo dicir que leva razón. Preocupámonos polos grandes proxectos, analizamos datos, avaliamos a resposta da prensa… e a miúdo os pequenos sinais pasan para nós sen relevancia. Deixamos que fuxan.
O obradoiro que realizamos este ano por terceira vez ben pode ser un sinal, para moitos un sinal pequeno que pasa sen importancia. Pero é fermoso. E de luxo. Este ano, como nos precedentes, escoitamos esta palabra unha vez e outra: luxo. Si, porque é un luxo para o escritor actuar cos tradutores e é un luxo para os tradutores traballar co escritor. Un luxo para todos. Un pequeno sinal de luxo.
Quereriamos recoller dalgún xeito neste exemplar especial de Senez o vivido polos protagonistas do seminario que estiveron a crebar os límites dalgunhas linguas na fronteira da vila de Irún. Pero como esto é imposible traemos o froito do traballo: a tradución do relato de Harkaitz Cano a varias linguas. O galego Isaac Xubín elaborou a versión galega, Kristin Addis a inglesa e Kattalin Totorika, para rematar, a francesa. Tamén trouxemos a estas páxinas a versión castelán que compuxo o propio autor da historia. Deste xeito, ao relato de Harkaitz nacéronlle as ás e voará por riba de moitas fronteiras, reais e virtuais.
Hai dous anos comezamos este camiño na Casa do Tradutor de Tarazona co relato Un ange Passe de Pello Lizarralde e o ano pasado continuamos co texto de Jokin Muñoz Hausturak. Así que neste ano celebramos a terceira edición. É isto un sinal de que esta actividade colle forza? Penso que si. Sexa como for, non cometamos o grave erro de non dar aos sinais a importancia que teñen, porque aínda que pequeno, este é un grande sinal entre escritores e tradutores.
Tampouco esta historia non rematará con valse ningún
Non lle damos importancia aos xestos. Grave erro. Algunhas veces toda a nosa facenda pode reducirse a un xesto. Nin perras chicas nin palabras. Só un xesto.
¿E se che digo que a única pegada que deixou en ti non é unha sentencia memorable?, ¿que non é o fermoso paseo de pretensións burguesas que un día destes pola beira daquel río que lampexaba como o lombo dunha troita traída polas augas a secar ao sol? que non hai risas e tampouco non hai pranto. ¿E se che digo que a única pegada que deixou en ti non é máis ca un xesto? Aínda hoxe, pasados moitos anos, fas cousas que aprendiches dela sen sabelo. Pola súa simpatía, por achegarte a ela e por querer ser un con ela imitaches sen querer un xesto, ese que repites sen decatarte. Ese sinxelo aceno seu que inmortalizas sen sabelo. Un xesto tomado dela e que por medio de ti outras rapazas adquirirán, até o mesmo día no que o mundo perda o seu nome.
Se cadra non es máis ca iso: o fío conductor que cataliza o xesto dunha persoa desaparecida, o delgado tubo do alambique que leva dunha caldeira a outra a esencia dos xestos.
Non estou a falar de movementos épicos, nin dos signos que cambian o desenvolvemento da historia; non son os emperadores romanos que subían ou baixaban o polgar o que eu teño na cabeza.
Pero unha cousa é certa: non lle damos importancia aos xestos. Non entendemos a trascendencia que teñen as mordedelas das unllas da xente a quen fixemos pasar un mal momento. Non comprendemos na súa xusta magnitude a esvaecida ilusión da rapaza a quen disgustamos e deita a súa mirada na terra.
Non é só o indicio de posible caída ao precipicio no camiñar do bébedo que pasa baixo unha farola da rúa máis grande da vila e desaparece na escuridade antes de que remate esta liña; non é só o xesto de fachenda que lle mostra ao seu criado a muller da nobleza que leva o queixo erguido e acanea un abano de papel e que forma parte dun abecedario xestual que distingue entre a xente que vive de pé e a que vive de xeonllos; e tampouco non é a leda nai que ofrece a man e o colo ao meniño que acaba de aprender a camiñar; e non é só a pancada que o taberneiro zoupa coa man aberta enriba da mesa de madeira e fai tremer as botellas, os alicerces da taberna e tensa as cordas vocais do mesmo taberneiro. Trafeguemos a estas cantigas e parágrafos o xesto que facemos coa man para acougar o proído que nos deixou nas costelas a cama na que durmiamos cando nenos, o lixeiro movemento de bambeo que permanece nos ombreiros dende que tentamos atraer onda nós a atención da moza que nos gustaba –se este relato serve de algo precisa dentro da súa esencia un baile, un vals, unha partitura para bailar nun parque extenso, fai o favor de lembrarme isto se non traio danza ningunha na hora do remate–.
Porque isto é a historia dun xesto. Un xesto feito a mantenta, escollido, estudado, inconsciente, a historia dun xesto ao que se lle pode xuntar calquera adxectivo.
Arrecendía a canela na rúa. Non a canela en po, senón a canela en rama. Que é diferente.
Moi diferente.
A canela en po trae a invitación a permanecer comodamente no sitio, a oportunidade de que o vento espalle estes pos e o risco de que entren no interior dos tabiques nasais. A canela en po trae ás mentes outra caste de po, outra clase de area, a canela en po trae os lixeiros veos da superficie dos desertos que se levantan e desprazan como leves anacos de pano. O recendo a canela en rama non.
A canela en rama trae ao entendemento tensión, pontes, músculos contraídos prontos a realizar o traballo, o neno que os domingos recolle pauciños para o inverno e os asuntos sen solución – e xa que logo, que aínda non amolan. As cousas que están tirantes, quizais ermas e secas, ríxidas, pero vivas.
Tal vez sería culpa daquela especiaría que ten os olores e esencias traídas de Turquía, pero arrecendía a canela na rúa Chocimska. E así, deste xeito e despois de decidir que paga a pena ser contada, é como precisa empezar esta historia.
Na rúa Chocimska había un rapaz que sempre vendía na esquina o Kurier Warzawski, Minkiewiczk tiña unha tenda de sombreiros, Kotkowski unha panadaría, e logo, logo, a especiería turca, e máis aló cerrabas os ollos e non podías saber se había outra tenda ou outra entrada ao final da rúa. Eu cando menos, limitaba os meus saúdos a aqueles tres: mercaba prensa ao vendedor do Kurier aínda que non sabía o seu nome, saudaba dende lonxe ao xastre Minkiewickz, sempre con chaleco e metro no pescozo, e me achegaba canda a señora Kotkowski para preguntarlle polas fervellas das súas fillas.
A primeira vez que a vin había ese mesmo recendo a canela en rama dentro da rúa. Cando nos cruzamos deixei a mirada cinguida a ela. Ía con presa, termando do sombreiro coa man. Non soltei da súa face as rendas dos meus ollos e tentei apreixar a súa mirada, veña, pequena, veña, olla para acó, dáme ese agasallo e hoxe estarei alegre. As súas pupilas viron o anzó e no canto de virar a cabeza cara min, xiróuna á dereita e quedou a ollar para as tortas da panadaría Kotkowski. Ela escolleu este xesto. Pero faltou pouco. Se ela non se tivese decatado de que o anzó era un anzó nese mesmo momento tería sido miña.
Dende entón cruzámonos a miúdo. Eu ollaba para ela sen disimulo ningún, sen deixar de camiñar percorría toda a elipse da mirada, rúa arriba, xirando o cabeza á esquerda, mentres ela ía pola beirarrúa, á esquerda e máis á esquerda até que non había máis posibilidades e miraba para adiante. Que mágoa non poder torcer o pescozo trescentos sesenta graos! E cando eu volvía a cabeza á esquerda, ela, que viña rúa abaixo, xiraba a súa á dereita para mirar a panadaría de Kotkowski, a sombreirería de Minkiewicz, ou o que fose, coma se estivese a mirar para os pasteis, os sombreiros e non lle importase o seu reflexo naqueles escaparates. Isto quería facerme crer, a coitada.
Non sei cantos días durou aquel xogo de testas. A miña mirada rúa arriba na procura da súa, a súa sempre rúa abaixo en calquera escaparate para fuxir do anzó.
Ao cabo de máis ou menos tres meses achegueime: aconteceu mirando o escaparate da tenda de sombreiros.
Na tenda de Minkiewicz fan de canela os sombreiros, non che parece?
A súa mirada deulle por vez primeira unha boa dentada ao anzó da miña ollada. Non se fixo a tola. Tampouco non me dixo que o da canela era por mor da especiaría turca. Regaloume a mirada, a unión precisa no arrecendo a canela en rama.
Chamábase Alma e estaba empregada como atrilista na ópera. Pasaba as páxinas da partitura ao pianista para que este non tivese que levantar as mans das teclas. Non lle preguntei que tipo de traballo era aquel. É máis, a ela o meu, que quería ser escritor, pareceulle de mofa. A ver que pensaba eu, se creía que para ser escritor abondaba con emborracharse no cabaret Ádria e tomar café na cafetaría Zodiac. E así dende aquel día en diante empezamos a pasear xuntos pola beira do Vístula, e a miña cabeza seguía xirando á esquerda para mirala – gustáballe camiñar á miña esquerda, tiña esa teima – e a súa tamén se volvía á dereita. Pero agora non faciamos que mirabamos os sombreiros estilo Panamá ou as tortas de canela, agora ela mesma volvíase cara min; eu púñame á súa dereita e me transformaba na tenda de sombreiros ou nas tortas e recollía os seus bicos ao chegarmos ao curruncho máis escuro da rúa– sei que non me tiña que ter posto nunca tan emotivo, pero que se lle vai facer, estaba namorado.
Isto é: a súa atención era a mesma, pero agora, xirábase para mirarme a min. Camiñabamos a pé, os dous, na mesma dirección.
Un domingo alonxámonos fóra de Varsovia co adaxo de merendar no campo. En canto estiramos o mantel na herba percibimos na herba húmida algúns saíntes que se movían, travesos baixo o pano. Mocosos caracois.
Pasámolo ben ollando as fermosas espirais das súas cunchas. Despois, os seus longos e brancos dedos – eran os dedos dunha atrilista, fose ese un oficio ou non – esfregáronse uns contra os outros, se non estivese manchada polo moco deixado polos caracois, podería facer un estralo cos dedos. Levounos ao naris, para ulir as babas. Fixo un aceno de noxo e a min acrecentóume a impaciencia e sentín empequenecer os pantalóns polo centro.
Deseguido levóume a unha sala de ensaios da ópera, ela mostróume unha inesperada ousadía que a fixo máis que apetecible. Un dos atrís de madeira caeu ao chan cando nos empezamos a espir o un ao outro. Despois de meter a man no peto central do meu pantalón marchoume o entendemento; sentíu o meu xemido e a humidade no puño da camisa. A súa pel estaba tamén húmida e quente. Aquela camisa era tan lixeira que semellaba de papel. Sorriume con dozura.
Es máis rápido cós caracois.
Logo levou os dedos ao narís para ulir con curiosidade o esperma, riu namentres frotaba os dedos que se non estivesen enzoufados de seme poderían facer estralos.
Só un xesto, para lembrar.
Inda que non esquecera o soño de ser escritor, empecei a traballar na oficina dunha grande carpintaría.
Cando lle ensinei a Alma o meu primeiro relato, pareceulle revirado de máis e responsabilizóume do feito de non a ter levado nunca a bailar. Tiña esta habelencia de saltar dun tema a outro, a de pasar as páxinas rapidamente. Era o seu traballo: pasar ben as páxinas.
O día de Aninovo, díxenlle. Entón decateime de que non sabía bailar, namentres botaba o meu primeiro relato ao lume da cociña.
E cando o caderno dos relatos e as tentativas de relato estaban a queimarse a miña nai entrou na cociña.
Nai: que estás a queimar?
Eu, pola miña conta: palla. Aínda que dixen algo máis.
Aprenderásme a bailar, madre?
Miña nai fixo o posible, mais non serviu de ren: bailar na cociña de casa e bailar o día de Aninovo na cafetería Zodiac non che son a mesma cousa. Podo dicir que son dúas clases diferentes de baile.
Alma dicíame que precisabamos movernos máis e, aínda que había moito espazo libre, eu alí, afeito ás medidas da cociña, non me axeitaba á pista xigante da cafetería Zodiac. Díxenlle que eu era un bailarín de cociña e non de salón.
Na oficina tiñamos un xefe revirado.
Tiña un despacho propio, pero colgaba a súa chaqueta nun colgadoiro que estaba situado na pequena peza onde traballabamos os outros tres (o señor Slowacki que facía as contas, o meu compañeiro Jozef que facía mandados de todo tipo e eu mesmo). No seu despacho tiña sitio abondo para colocalo ben dereito, pero non: puña aquel colgadoiro onda nós, e a chaqueta tamén, alí mesmo. Aquel colgadoiro era un mastro colocado nun novo territorio conquistado: e a chaqueta a bandeira do mastro. Deste xeito, en calquera momento saía e vixiaba a marcha do noso traballo e a execución correcta das súas ordes.
Está dentro? Preguntaba en voz baixa cando chegaba tarde o señor Slowacki. Porque lle tiña medo ao xefe cos seus sesenta.
Era abraiante o medo que lle tiña o señor Slowacki ao xefe. Andivera co xeneral Haller na loita contra os bolcheviques rusos no ano 1919, pero así era: tíñalle medo ao xefe. Foi condecorado na guerra, porén el non merecía o respeto de ninguén. As medallas non dan forzas para enfrontarse ao xefe. Estar capacitado para sobrevivir na guerra non implica por forza estar capacitado para sobrevivir fóra dela.
Pero estaba a falar do colgadoiro.
En efecto, non era preciso que o xefe estivese connosco. Aquela molesta chaqueta súa representaba a súa presenza mellor que calquera outra cousa. O colgadoiro erguido era un símbolo do poder, unha lembranza da autoridade para traballar rápido e con ánimo. Por iso aínda que non tiña probas, en diante tiven que coñecer máis colgadoiros dos que creía.
Teño na memoria as palabras do señor Slowacki sobre a guerra.
Dicía que a guerra era o lugar onde a pólvora e a levadura se confunden. O tempo no que os cárceres se transforman en graneiros e os graneiros en carceres.
Agardabamos pola pólvora, unha vez mandáronnos vinte sacos. Para cando empezamos a cargar os cañóns decatámonos de que aquilo era levadura. Mandaran o envío equivocado e pensamos que a nosa pólvora tería sido enviada a unha panadaría industrial.
Entón o xefe entrou a colgar a longa chaqueta do colgadoiro. Slowacki deixou de falar sobre a guerra e abriu o caderno de contabilidade e empezou a repasar co dedo as listas de números.
Cando soubemos que Alemania invadira Polonia, metéusenos un colgadoiro afiado no medio do corazón, e Alemania deixou colgados aí o seu sombreiro e a súa gabardina negra.
Cando cheguei a casa, atopei a miña nai ao carón da fiestra, a chorar cunha carta entre as mans.
Non facía falla ser moi espelido para saber o que decía aquel papel.
Ai, fillo, fillo!
A carta no dicía iso, por suposto
O xefe deume un sobre cheo de cartos o día que quedei libre do traballo porque a patria me necesitaba.
Polonia precísate. Boa sorte fillo, díxome.
Abofé que colgadoiro tamén ten o seu corazón, pensei. Pero non tería pensado isto se soubese a tempo o que diría a miña nai ao abrir o sobre do xefe, abofé que non.
Ai, fillo, fillo! Aquí está o prezo xusto dun cadaleito!
O señor Slowacki díxome algo tamén: se non estivese tan vello.
Isto, máis nada. Se non estivese tan vello. Despois levou o dedo ao borde do ollo, coa esperanza de mollar, por unha vez no tinteiro da bágoas, a punta daquel dedo ennegrecido. Non o logrou, e aflixíuse máis porque o interior dos seus ollos non daba sinal da súa tristura. Quedou coa ollada no dedo seco, un intre longo, coa cara do mariñeiro que se clava un anzó no dedo índice, máis ca enfadado, avergoñado.
Jozef non dixo nada. Dende a noite anterior faltaba da súa casa.
A nai de Jozef foi ben espelida. De mañá cedo baixou ao concello, antes de que os soldados fosen na procura do seu fillo, para denunciar que Jozef non estaba na casa e non sabían onde achalo.
O secretario do concello rosmou, problemas, sempre problemas. E pasou o aviso ao sarxento encargado do censo dos soldados.
Ben sabes onde está o teu fillo!
Dígoche que non! En casa todos estamos preocupados!
Jozef non era, nin moito menos, o único que faltaba da casa tendo idade para ir ao exército.
Compadecido, o secretario do concello ofreceulle unha cadeira á nai de Josef.
A deserción está fortemente castigada, señora. Sábeo?
Prenderon a Jozef a uns poucos quilómetros da vila, agochado nun carro tirado por cabalos e rodeado de caldeiretas de leite.
Se estivese agochado nun carro de esterco non o terían collido tan axiña, dixo a nai.
Así estou eu, cheo de esterco a fartar. E tamén me colleron.
Madre empezou a chorar doutra volta.
Non quixen despedirme de Alma, pero ela mesma acompañoume á estación.
Axiña estaremos xuntos, meu ben.
Si, decontado, seguro que si.
Agasalloume cunha rama de canela.
Para pór no sombreiro.
Ou na orella, coma fan os carpinteiros co lápis, non si?
Si, así. Na orella.
Sentín na gorxa o golpe da saliva. O tren empezou a asubiar. Alma seguíu o tren, cun paraugas branco – esto é mentira, non levaba paraugas branco ningún, pero que fermoso sería se tivese acontecido así – coa cabeza virada á dereita cara o tren, até que a plataforma no seu remate tornou en precipicio.
Escribirei todos os días!
Vós sodes a retagarda, estade tranquilos! Afoutáronnos o primeiro día. Pero os que eran a retagarda só tardaron unhas poucas semanas en transformarse en vangarda, primeira liña. Os nosos xenerais eran malos no xadrez. Emporiso tiven sorte: o certo é que collín unha pneumonía bastante dura. En canto me curei fuxín do hospital. No tempo que andiven fuxido Alma e mais eu fixemos un intercambio frecuente de cartas. As veces eu mesmo me levaba ás portas do pracer, recollía cos dedos o seme pegañento e levábao ao narís como ela fixera aquela vez. Porque este xesto estralado evocaba a lembranza de Alma. Despois dun ano xuntariámonos outra vez.
Debo dicirche algo. Coñecín a outra persoa.
Un alemán. E que se quería podíamos dar un paseo. Un paseo. Que importancia ten un paseo en comparanza cun alemán? Postos xuntos, postos nunha balanza: o alemán, o paseo. Seica balancean? Hai algunha traba? Hai algún problema quizais? Pode haber algunha dúbida? Que vai haber, ho! O alemán gaña rapidamente: o peso do alemán vai para abaixo, chumbo, e o pratiño do paseo para arriba, perdedor. Vai para arriba e por iso é o perdedor: unha sorte de xustiza poética. A pequena xustiza que non serve para nada e que foi inventada polo brazo feble do intelectual para redimir a envexa aos mariñeiros de tatuados brazos fortes que lles rouban as mozas. Xustiza poética, así lle chaman.
Un paseo era pouca cousa: pedinlle unha fin de semana. Ao carón dun alemán, unha fin de semana non é grande cousa. Pero sería máis ca un paseo.
A guerra non rematou… onde imos? Énos imposible sair de Varsovia.
Eu escollerei onde. Iremos a un lugar insignificante. " Ao cerne do meu corazón" quixen dicir, pero non fun tan doce.
Está tranquila, ninguén nos poderá ver.
Leveina en bicicleta a unha canteira que os alemáns deixaron de lado porque non tiña moita utilidade. Para algo debe servir coñecer os camiños dos caracois, díxenlle. Pero ela non respondeu. Non ríu. Sei que o amor empeza coa complicidade, e non quixo agasallarme coa complicidade. Pode ser que non puidese recordar os caracois, ou que non tentou lembrar.
Así e todo, despois de facer o amor díxome que lle gustaba. Díxome que sería a derradeira vez. Pero non foi a derradeira. Un pouco máis tarde prendeu a paixón e fixemolo outra vez espidos.
Debo volver a Varsovia.
Que lle dixeches?
A Hans?
Manda carallo!: Hans, pensei, era necesario que tivese aquel nome? Terei que odiar de agora en diante a todos os que se chamen Hans? Terei que odiar do mesmo xeito aos ladróns de mulleres e aos bos compositores para catro cordas? Terei que odiar tamén aos camareiros das cafetarías e aos sinxelos pintores de paredes polo único pecado de chamárense Hans?
Díxenlle que debía visitar a unha tía que estaba enferma.
Subimos á bicicleta. Era tempo de voltar á cidade. Pero cando chegamos a altura dunha pequena ponte díxenlle que baixase da bicicleta, agarreina e tireina ao río. A bicicleta, evidentemente.
Pero a que andas?
Non estamos lonxe, iremos a pé, seguindo a vía do tren. Nunca xogaches por riba das travesas do tren cando nena?
Non.
Lembrarás polo menos cando eu ía cara o fronte e viñeches á estación a despedirme cun paraugas branco?
Que paraugas branco?
Era un xeito de falar, muller!
Quería gañar tempo. Quería saborear amodo e a pé cada intre pasado con ela. Cada último momento. Tirar ao río a bicicleta foi unha oportunidade para traer ao meu lado a escala do universo. Quixen deter o tempo, levalo nas miñas mans.
Alma non abriu a pequena bolsa mentres a levou. Pensei: o que leva aí son as roupas para pór cando chegue a Varsovia, roupas virxes e limpas do cheiro dos caracois. Se é tan lista coma eu penso, o máis probable é que nesa bolsa leve algo que a súa suposta tía lle regalou, o agasallo a ensinarlle honradamente ao seu alemán.
Olla, querido Hans o que nos deu a tía para a nosa casa! Unha caixa de cerámica adornada de flores de colores!
Que levas nesa bolsa? Preguntei.
Non respostou.
O silencio tamén é unha resposta, pensei.
O silencio non é unha resposta, díxenlle.
Permaneceu calada.
Camiñamos en silencio, un ao carón do outro, dentro da deserta vía do tren, a pé. Un pouco máis tarde adianteime, para que ela viñese onda min. Pero non se achegou. Seguiume atrás, a pé. Feriume. Quería que estivese ao meu lado a derradeira vez, como cando camiñabamos á beira do río.
Tiñamos que ter sabido entón, que en tempo de guerra os trens circulan á hora que lles peta. Pero non o soubemos. Ela porque tiña que casar cun alemán chamado Hans, eu porque tiña que saborear o exército coa punta da lingua. Só éramos uns cativos.
En resumo: non alborexaba o día, e nós esgazándonos por dentro, seguíndonos. Eu diante, ela detrás, a pé pola beira da vía. Non veu ao meu carón, non picará outra vez no anzó, pensei.
Cando escoitamos o asubío do tren, tiñamos o tempo xusto para afastarnos da vía do tren. Cun movemento reflexo, como entón naquelas rúas de canela en rama, volvín a cabeza á esquerda para mirar, na procura de Alma.
Ela, pola contra, mirou á dereita cando sentíu o tren. Quen sabe por qué. O asunto é que eu sabía que ela facía así. Tímida como naqueles comezos nos que camiñaba cara min, na procura dos sombreiros de canela, ou como cando camiñabamos xuntos á beira do Vístula á procura dos bicos do atardecer, ou como a última vez cando o tren me levaba á fronte mentres eu dicía adeus, ela sempre xiraba á dereita a súa cabeza.
Aquel xiro á esquerda ou á dereita salvou a miña vida e condenou a súa.
Aínda hoxe, neste deserto de París, cando paseo pola beira do Sena – as augas do río alentan aos exiliados porque, ao contrario da terra que piso, co seu pousado movemento nunca poden ser deserto – e alguén coñecido saúda e xiro a cabeza á esquerda, sinto pasar a rente da miña orella dereita algo frío e incisivo coma un coitelo.
Penso que é o mesmo. Penso que é unha aviso. E descúlpome a min mesmo a frivolidade; porque a frivolidade, a simplicidade e a tontería son cousas humanas, e xa que logo, disculpables nos humanos.
A bolsa que levaba Alma envorcou as súas tripas ao carón da vía; eran as cartas que lle enviara dende a fronte. Nunca souben porque razón as levaba nin que segunda intención tiña para ela aquel feixe de cartas.
O maquinista non se decatou de que o tren, alonxándose pola vía, golpeara a unha muller que sangraba pola cara. Isto, no caso de que houbese maquinista no tren: do mesmo xeito que hai xente sen alma, tamén hai trens sen maquinista. Había tempo que o tren vendera ao diaño o maquinista de dentro.
O día era húmido, os caracois saíran de todas as fendas coas súas espirais ás costas. Como a meirande parte dos bos sentimentos, estratexias, iluminacións, pensamentos e ideas, tarde de máis, cando non hai oportunidades que dar ás testemuñas da derradeira ruína e trabe da aldea.
Non tiven azos para abrazar o seu corpo morto.
Unha rúa, unha vida ou máis, coma unha canela en rama crebada.
No chan, de xeonllos, agarrei con xenreira algúns pauciños da beira da vía misturados coa lama, era a canela en rama máis húmida posible. E tronceinos, esmagueinos entre os dedos e levei á boca os anaquiños. A lama e os paus afogarían o meu berro no fondo do estómago.
¿Quizais quería tragar o mundo e que desaparecese da miña vista? Quen sabe. A gramática e a narrativa nunca son abondo para explicar a desesperación.
Non sei canto tempo estiven a camiñar errante, perdido na fraga, non vin aos francotiradores aos que pregaba a berros me disparasen. Non adoitaba ter sorte. Ou, se callar, tiña moita sorte. Antes de chegar á cidade, no piso de abaixo dunha parada do ferrocarril que as bombas destruíran, vin un colgadoiro do que estaban pendurados unha gabardina e un chapeu. Aquela imaxe causoume impresión: a gabardina seguía intacta como se estivese a chegar o xefe de estación.
Cando me dirixín ao pequeno apeadoiro, un cadelo empezou a ladrarme, con razón ou sen ela.
O seu ladro era unha ladaíña de catro golpes.
Es - tamos, en - guerra! Es - tamos, en - guerra!, coma se estivese a pregonar.
O can sacudía a cachola, a un lado e a outro, a esquerda e a dereita, aos dous lados co mesmo instinto animal. Ou sen o mesmo instinto animal. Debería dicir, se cadra, que aquel animal ladraba co músculo atávico de quen non sabe nada sobre as rúas de canela en rama, escaparates, sombreiros e paraugas brancos.
Es - tamos, en - guerra! Es - tamos, en - guerra!
Seino, parvo, seino! Está calado!
De súpeto por pouco non alcanzo ao animal escrequenado cunha pequena pedra das travesas que lle guindei, e coma se entendese algo, o cadelo calou. Pola pedrada ou polo meu pranto queixumoso, non o sei.
Mirei outra vez o colgadoiro: primeiro o cordel vermello da viseira do chapeu, a gabardina azul mariño con galóns e logo o chifre prateado que colgaba do seu peto.
Pensei, obxectivamente, que este mundo era unha cousa perdida e olvidada e non o lugar onde moran os homes e as mulleres, como até entón me obrigara a pensar o meu carácter humanista.
O can empezou a ladrar de novo. Tiña a cabeza a piques de estourar.
Enxuguei as bágoas coas mangas da gabardina pendurada do colgadoiro. O cadelo seguía ladrando cada vez máis alto e máis forte. Collín o chifre do xefe de estación e soprei con violencia.
Saíume un asubío desafinado. Non veu atrilista ningunha para pasar as esgazadas follas brancas das paredes rotas da estación.
Pero o cadelo calou de súpeto.
Mentres continuaba o meu camiño pola vía, o cadelo seguíame ás costas, maino e dócil. Eu non entendía moito e el – polo visto – sabía ben que algo nos uniría.
Non sei canto tempo estiven a camiñar. Cheguei á fronteira cos zapatos encharcados e os calcetíns cheos de lama. O letreiro da fronteira tamén estaba alí pero non había ninguén e polo tanto era imposible saber se aquilo aínda era a fronteira de algo. Preguntar a quen. Preguntar o que.
O cadelo e máis eu quedámonos mirando a ningures.
Seguiremos contra o poñente, Canela.
Ao cabo, pensei, el tamén merece un nome, non si?
En canto puiden volver camiñar e despois de entrarmos nas rúas dunha aldea esnaquizada polos avións de combate, empecei a falarlle ao can sobre as rúas de canela.
Había un arrecendo a canela na rúa. Non a canela en po, senón a canela en rama. Penso que é diferente, ti non? Moi diferente.
Non podería dicir que o cadelo non estaba ledo, non podería dicir iso. A xeito de bautizo, eu describíalle o pan, o vendedor de sombreiros e todos os que ían pola rúa, coas miñas palabras reconstruín aquelas pantasmas aos que non podían dicir adeus. Como podía interpretar entón aqueles saltos e ladros acompasados? Boteille a man as fiestras que caían saídas das bisagras, apertei os poxigos dos escombros que se saían dos couzóns, despedinme das portas rotas. Que mágoa non ter aquel chapeu da estación para descubrirme con educación perante a xente que o merece. Que tal señor Minkiewicz? Pregunteille a un anaco de vidro no que miraba o meu reflexo avellentado,… bo tempo para o seu reuma,… rapaz, dáme un Kurier… vai todo ben por casa señor Kotkowski? Ánimo, os máis pequenos tamén casan, cando menos nunca faltará o pan! parece que fan de canela os sombreiros na de Minkiewick, non cres?
Estaba posuído por unha enerxía tola. Cando o frío e o medo producen calafríos debes berrar, sacar a navalladas pola fiestra a ese trasno tan malfadado como desbaldador e preguiceiro que vive en ti. Sal á fiestra, desafía aos francotiradores, ri deles e que eles fagan o mesmo! Non necesitamos predicadores senón bufóns! Só bufóns!
E mentres lle dicía isto a todos sen perder o senso, o meu prezado pescozo dirixía o anzó da miña mirada como unha cana de pescar. Achegábame a cada pouco á xente para inclinarme corenta e cinco graos ao xeito que marcan as tradicións da miña terra, sen perder a educación, con xenerosidade, facendo saber que estaba preparado para axudar a calquera compañeiro.
Mentres desexaba boa sorte a todas as pantasmas e me despedía da xente con bos desexos, o can seguía aí, ao meu carón, coa lingua pendurada da boca e un brillo na mirada, como se coñecese a historia daquel escudeiro a quen o seu señor regalou unha illa por telo axudado na loita contra os muíños.
Que debería regalarlle eu a el entón?
En primeiro lugar, debía alonxarme de aló. Púxenme en marcha decontado e sentín debaixo dos pés un estralo desagradable. Como se tivese na boca a casca dun caracol e fosen as moas, cos anacos de casca, as autoras daquel xeado estralo. Pero non foi na boca, sentín o ruído da fraga debaixo dos pés. Que era entón a impotencia senón esa impresión de ter os labios cosidos baixo os calcañares? Querer berrar dende a entreperna para quitarme a ira de enriba e non poder, sentir a falta de aire.
Non quería nevar pero o ceo era de neve. E iso era abondo para que non houbese cazas polo aire.
Continuei a carreira sabedor de que necesitaría mil anos para borrar os xestos do valse torpe e patético que debuxou a miña desesperación. Non eran máis ca follas e polas crebadas. Continuei coa gorxa oprimida, endereitando a carreira co queixo. Sen mirar en ningún momento cara atrás.