Poemas escollidos (Poema hautatuak)
O número da revista Senez que tes nas túas mans é un especial monográfico que recolle unha pequena mostra da literatura vasca traducida a varias linguas. Trátase do froito das sesións dunha nova edición da iniciativa que chamamos “O autor no taller do tradu-tor”, celebrada o pasado outono de 2010. Tras esta breve presentación, poderás encon-trar varios poemas da autora vasca Itxaro Borda, xunto coa súa tradución a catro lin-guas (francés, castelán, catalán e galego). A continuación encóntrase un resumo das se-sións recollido por Manu López Gaseni, coordinador do taller, que dá conta da unha vez máis frutífera experiencia desta edición. Por último ofrécese unha breve noticia biográ-fica da autora e os tradutores.
Nós
Somos un accidente na vida de alguén,
Un enorme desacerto inevitable,
A poza de lama despois da bategada
Ou a aguda pedriña do carreiro.
Ao non teren risos, ollos ou berros
Sen nós o mundo podería ser o mesmo:
Camiñamos en balde coas mans atadas,
A feitura da crenza, o cansanzo da fe...
Apañamos os refugallos dos demais,
E os anos tornan nunha cinsa
Que apagan a chama esta da ledicia,
E dende o derradeiro laio do noso peito,
Erguido na borralla, o noso peso esgrevio
Axiña nos filla a memoria do futuro.
1982
Milia Lastur revisited
cos berros dos mortos cinguidos á túa boca,
como poderás atopar o teu auxilio?
eu amareite, non marches Milia,
fica comigo e bebamos o viño vermello...
roubaremos as mazás das leiras farturentas
gardarémolas nos currunchos dos traxectos.
esquece, por favor, as matanzas vellas
e as cantigas de lume no po dos camiños.
deitarémonos logo as dúas
a ollar a danza nocturna das sete sombras
no leito de amor da herba húmida
u-la pedra? U-la fría terra
para poñer o pranto en dúbida,
non temas, amareite sempre Milia.
1986